Sambenitos de Tui
No Museo Diocesano de Tui consérvanse uns sambenitos únicos de 14 tudenses procesados pola Inquisición nos anos 1616- 1621 cos seus nomes, delictos e penas.
O seu Auto de fé
Logo do corrrespondente Auto de Fé, a Inquisición, para escarnio da fama dos condenados e dos seus descendentes, colgaba nas catedrais ou igrexas, a sorte de grandes escapularios os sambenitos que levaron os reos durante o proceso, substituídos co paso do tempo por tiras de tela que reproducían texto e debuxos orixinais, como no caso de Tui.
Os sambenitos reproducían a cruz de San Andrés, que simbolizaba a confesión que estaban obrigados a facer, emulando ó dito santo, recoñecendo que Xesús Cristo era fillo de Deus padre.
Vexamos o caso do converso tudense Andrés Duarte Coronel. Andrés fuxira coa súa nai, a muller e cinco fillos cativos, deixando algúns bens raíces de valor moi por debaixo do que, antes de fuxir, acordaran pagar a burlada Inquisición polas súas vidas, a cal se vingou difamando a súa memoria.
Foi condenado a morte en rebeldía, a súa estatua foi queimada en auto de fe, o seu sambenito foi exposto anos e anos ó escarnio público da peor maneira, pois aparece inmortalizado como xudaizante impenitente, cunha cabeza terrorífica, coas chamas do inferno pintadas cara arriba, como o monstro imaxinado polo peor antixudaísmo, todo por non lles pagar os 6.000 ducados ós inquisidores de Galicia.