Xudeus e Xudaizantes na historia de Galicia
A ocupación árabe do século VIII durou 25 anos en Galicia. Houbo logo inmigración dende Al-Andalus ó reino de Galicia durante os séculos da Reconquista.
Séculos X-XXI
Esta influencia musulmana non se pode comparar coa presencia ininterrompida dunha minoría de xudeus ó longo de oitocentos anos, cando menos entre os séculos X e XVIII, públicos durante a Idade Media, máis ou menos clandestinos durante a Idade Moderna. Xudeus polo regular nados en Galicia, pero tamén galegos de adopción na procura de refuxio, fuxindo das persecucións árabes (séculos XII-XIII) ou dos inquisidores portugueses (dende finais século XVI).
O obxectivo principal desta exposición é recuperar a historia dos xudeus de Galicia como memoria viva, para saber máis de nós mesmos, para saber máis dunha multisecular experiencia de convivencia frustrada polo Estado moderno e a Inquisición. A tolerancia entre xudeus e cristiáns na Galicia medieval como factor distintivo da historia do pobo galego, ten un valor igualitario, democrático e multicultural, que cómpre relembrar no presente e reivindicar no futuro.