Tempos de inquisición
A Inquisición moderna choca, pois, con máis de cinco séculos de convivencia pacífica medieval entre galegos de diferente etnia e relixión. Cando se quer impor, no século XVI, atópanse os primeiros inquisidores cunha difusa resistencia popular e múltiples conflitos xurisdicionais cos concellos, coa Igrexa e cos oficiais reais.
O comezo da Persecución Inquisitorial en Galicia
Ata 1574 non empezará a funcionar realmente o Tribunal de Santiago, cen anos máis tarde que en Castela e tres séculos despois que Aragón. Así e todo, os xudaiizantes galegos non serán molestados ata principios do século XVII.
O punto de inflexión da ofensiva inquisitorial contra os xudeus clandestinos en Galicia foi o proceso de Ribadavia entre 1606 e 1610. Por primeira vez o Tribunal de Santiago ofrece un balance económico positivo. O grupo maioritario entre os procesados pola Inquisición en toda Galicia está formado por xudaizantes, a maioría deles comerciantes e, por tanto, obxecto predilecto da confiscación de bens que practicaba a Inquisición para o seu financiamento.