Os Xudeus de Ribadavia
A perda da documentación municipal de Ribadavia fai que non teñamos noticias certas da súa xudería ata 1386. Damos por feito que a comunidade xudía ribadaviense se formou nos séculos XII e XIII como nas restantes urbes medievais galegas e peninsulares, beneficiada pola instalación de xudeus, desde o século X, nas veciñas terras de Celanova, e pola existencia dun potente grupo de mercadores en Ribadavia, desde a concesión do foro por parte de Fernando II en 1164.
¿Que aconteceu en 1386?
O duque de Lancaster, casado coa filla maior do defunto rei Pedro I, aspirando ó trono de Castela, invade Galicia sen atopar case resistencia, salvo en Ribadavia, que foi asediada por un exército de máis de 2.000 lanceiros e arqueiros ingleses, que lograron tomar a vila utilizando unha espectacular torre con rodas. Os ingleses entraron a saco, e, segundo a crónica contemporánea de Froissart, “ce jour occis ungs et autres, parmy les Juifs dont il y avoit assés, plus de quinze cens. Ainsi fut la ville de Ribadave gaignée à force, et eurent ceulx qui y entrèrent, grant butin d’or de d’argent ès maisons des Juifs par espécial”. É dicir, as testemuñas de Froissart salientan a riqueza en ouro e prata dos xudeus de Ribadavia, que foron roubados e asasinados, xunto cos demais veciños, polas tropas do Duque de Lancaster.
Esaxera Froissart, con toda evidencia, cando nos fala de “quinze cens” (quince centos, 1.500) xudeus ribadavienses en 1386. Este tipo de cifras medievais nas crónicas sobre batallas son, polo xeral, pouco fiables. Había aproximadamente en Ribadavia uns 500 veciños. Os xudeus raramente superan o 10-15% dos veciños nas cidades medievais do noso entorno. Na Ribadavia de 1386 non debía haber máis de 50 xu deus, unha ducía de familias na súa maior parte vivindo nas casas da rúa de xudería, logo Merelles Caula, quenes, sen lugar a dúbida, tiñan unha influencia económica na vila do Ribeiro moi superior ó seu número, como se decataron os asaltantes ingleses.