Os primeiro Xudeus
Temos evidencias de xudeus no reino medieval de Galicia desde os primeiros momentos da repoboación cristiá na Alta Idade Media, primeiro no campo e logo nos pequenos burgos que se formaron contra o ano 1000, desde o norte (necrópole xudía da Coruña) ata o sur ourensán e portugués, a parte do amplo reino de Galicia, e aínda do reino de León, con maior presencia xudía nos séculos X-XI, a causa da política repoboadora da nobreza laica e eclesiástica galega, co apoio da monarquía, que non facía distingos entre relixións e etnias.
Os Xudeus en Galicia
As terras de Celanova, entre os ríos Miño e Limia, e máis alá incluso, porque as propiedades do mosteiro chegaban ata Coimbra, son o mellor paradigma peninsular de convivencia rural das “tres culturas”, cristians, mouros e xudeus, na Alta Idade Media, o que se reflicta na onomástica, pois abundan os Abrahám, Daniel, Isaías, Moisés, Saúl, David, Salomón…, así como nomes árabes: Habze, Abdella, Cidi ou Muzalha. Foron musulmáns, convertidos ou sen converter, os que construíron o único resto que queda do mosteiro do século X: a capela de San Miguel de Celanova, mostra sobranceira da arte islámica en Galicia.
Os xudeus e mudéxares da Galicia sureña traballaban entón na súa maioría en actividades agrícolas, como servos ou como homes libres, que incluían o cultivo do viño.
Os xudeus da Galicia altomedieval dedícanse tamén ó comercio de teas de seda, que chegaban a Galicia a través da ruta xacobea.