O Proceso de Ribadavia

Entre 1492 e 1595 os xudeus de Ribadavia viven relativamente tranquilos, simulando ser cristiáns e practicando clandestinamente a súa relixión. Tiñan especial coidado en iniciar ós mozos na adolescencia. Este relevo xeracional, que abrangueu catro xeracións, foi vital para garantir a continuidade histórica do xudaísmo ribadaviense. De feito, a maioría dos detidos, e condenados, entre 1606 e 1610, serán mozos e mozas vinteaneiros. O papel principal na transmisión da tradición xogábano as mulleres, as nais e as avoas, así como matriarcas xudías como Branca Vázquez e Ana Méndez, xa defuntas cando veu a represión, que tamén ensinaban os ritos e cerimonias da Lei de Moisés na comunidade xudaizante de Ribadavia.

Museo etnolóxico

O proceso inqusitorial: persecución, tortura y resistencia

A finais do século XVI sucédense as visitas da Inquisición a Ribadavia. En 1595 procesan ó avogado Xerónimo Rodríguez: un aviso. O 7 de marzo de 1606 o Tribunal de Santiago recibe do Consello da Xeral e Suprema Inquisición unha carta ordenando pasar á acción: “Prendan a once deles”. Serán moitos máis porque un mozo circundado, Xerónimo Bautista de Mena, que a comunidade enviara ás de Venecia, Pisa e Salónica para forás sinagogas marse e ensinar logo a lei vella en Ribadavia, os denuncia por arrepentimento, inimizades e/ou simple desequilibrio mental: confesoulles ós inquisidores que cando, había dous anos, morrera súa nai, tentara resucitala como fixera o profeta Eliseo co fillo da viúva.

O fenómeno do malsín (delator) é habitual na historia do xudaísmo, máis aínda cando a persecución os obrigaba a formaren sociedades secretas. O malsín de Ribadavia denunciou de entrada a 200 xudaizantes, a metade da vila (450/500 veciños en 1517-23; 460 veciños en 1645), empezando pola defunta de súa nai e polos seus irmáns de 13 e 15 anos. Xerónimo apareceu morto (en estrañas circunstancias, dise nestes casos) no tempo do proceso, e o Tribunal, que como Roma vese que non paga traidores, senténciao no derradeiro momento (1610) a ser queimado en forma de estatua, xunto cos seus ósos, que para tal fin foron desenterrados. Xerónimo Bautista de Mena morre dúas veces, primeiro como falso xudeu, despois como falso cristián.

Ó cabo houbo 40 condenados en Ribadavia, e importantes confiscacións de bens, ben complicadas de executar pola ocultación que procuraban os xudaizantes. Entre os sentenciados había dous rexedores do concello, sete mercadores, dous que viven da súa facenda, varios profesionais liberais e catorce mulleres. A maior parte dos procesados naceran en Ribadavia, o resto eran ribadavienses orixinarios doutros lugares de Ourense, Galicia e do Norte de Portugal (varios de Vila Flor, Braga), atraídos pola súa florecente comunidade. Vinteún xudaizantes foron sentenciados a cadea perpetua, logo de que a Suprema de Madrid reprendera ó Tribunal de Santiago pola suavidade das penas. Dous foron condenados, pola súa relevancia, a seren relaxados en persoa, é dicir, a ser queimados na fogueira: Felipe Álvarez e o seu fillo máis rebelde, Antonio Méndez. Os restantes recibiron penas de cárcere de entre 6 meses e 4 anos. Polo regular as condenas supoñían, ademais do inmediato secuestro dos bens, a obriga de levar hábito (sambenito).

Non está claro que os condenados cumpran as penas máis duras, morte e perpetua, tanto polos acordos económicos coa Inquisición, como polas dificultades desta para ter moito tempo ós condenados nos cárceres secretos, e al caída en desgracia dos inquisidores que asinaron as sentencias de Ribadavia, Juan Muñoz Cuesta e Juan Ochoa, ó ano de rematar o proceso.

O 25% dos reos que se reconciliaron coa Igrexa no século XVII en España compraron as penas. Claro que non todos tiñan os mesmos posibles, aínda que hai que dicir que o estatus social e económico non lle aforrou a ninguén o sufrimento no tormento, máis ben ó contrario.

O sistema, chamado o “potro”, para atormentar os presos era ben simple: poñíanos sobre unha escaleira, con cordas atadas a brazos e pernas que se apertaban dando voltas a torniquetes ata descubrir o óso se fose preciso. Deste xeito foron torturados o 32 % dos veciños de Ribadavia presos: trece reos en total, polo regular xente de idade, cinco mulleres e oito homes. A maioría deles, segundo o propio Tribunal, venceron o tormento: todas as mulleres, e algúns homes (concretamente, tres). ¿A quen se torturaba? Ás persoas máis relevantes da comunidade xudía desde o punto de vista político, económico e relixioso, é dicir, ós dous membros da corporación municipal, Xerónimo de Morais e Xoán López Hurtado (e a súa dona), a aqueles procesados que eran mercadores e mulleres de mercadores (o 53 % dos que pasaron polo poldro eran comerciantes), a viúva do devanceiro Marcos López, avogado e relaxado en estatua. Cebáronse sobre todo con Felipe Álvarez, que facía de rabino de todos eles, e co seu fillo fiel Antonio, os únicos condenados a morte. Torturaban para obter unhas confesións que supoñían bos ingresos económicos, e tamén por pura vinganza.

O Consello Supremo de Madrid e o Tribunal de Santiago, quixeron facer en Ribadavia un proceso exemplar, cortando de raíz, que servira de escarmento para toda a Galicia xudaizante: perseguiron os colaboradores da ocultación de bens e da fuxida de xudaizantes; perseguiron os familiares dos condenados, mesmo menores; perseguiron a memoria e a fama daqueles defuntos que lles ensinaran a Lei de Moisés en Ribadavia na segunda, metade do século XVI, ós presos.

Pero os condenados e torturados de Ribadavia axiña obtiveron unha satisfacción moral. A Suprema envía en 1611 un inspector con 60 cargos de ineficacia ción contra os dous grandes inquisidores de Galicia durante o proceso de Ribadavia, que son acusados de irregularidades no secuestro, depósito e poxa dos bens dos xudaizantes, de repetiren ilegalmente sesións de tortura, de falta dun comportamento persoal acorde coa súa función no Santo Oficio e co estado clerical. Ochoa é acusado de dar misa borracho, de estar amancebado cunha casada que chegou a presidir con el a audiencia do Tribunal. Muñoz Cuesta é acusado de ir con prostitutas e de seducir nenas de 14 e 15 anos. Meses despois do derradeiro auto de fe onde se queimaron, na catedral de Santiago, as estatuas do últimos procesados de Ribadavia, Juan Ochoa e Juan Muñoz Cuesta, foron expulsado de Galicia, inhabilitados por anos para exerceren cargos na Inquisición e multados económicamente. Penas ben cativas se comparamos coas que eles lles aplicaron ó rabino Felipe Álvarez e a súa xente por non traballaren os sábados ou recitar na igrexa da Magdalena os Salmos de David sen o “Gloria Patri”. A pública sanción da inmoralidade dos máximos responsables do Santo Oficio en Galicia favoreceu, de contado, a negociación das penas de morte (Felipe Álvarez) e cadea perpetua (Simón Pereira), e supoñemos o mesmo a respecto das outras sentencias contra os veciños de Ribadavia.

Catro séculos despois destes lamentables feitos aínda está pendente a rehabilitación das víctimas, a restauración da verdade histórica, a devolución da fama e da memoria ós descoñecidos descendentes dos últimos xudeus de Ribadavia: ós Álvarez, Méndez, Gómez, López, Hurtado, Pereira, Vázquez, Duarte, Coronel, Mena, Blandón, Morais, Oliveira, Díaz, Fernández, Rodríguez, Sousa, León, Chaves, que coidamos seguen a vivir en Ribadavia, e noutros lugares de Galicia. Apelidos polo xeral comúns, debido ó afán dos conversos de pasaren desapercibidos, que nos recordan que todos podemos ter orixes xudías. Mellor dito, se alguén prendeu e torturou a unha persoa por ser doutra idea, nación e relixión, todos somos víctimas, todos somos xudeus, todos somos pois veciños de Ribadavia naqueles anos de terror 1606, 1607, 1608, 1609, 1610, como ben nos gusta celebrar nas “Festas da Istoria”, que caen cada ano no tempo da vendima e do “Ayuno Grande” dos nosos devanceiros.

Lost your password?

Ut enim ad minim veniam, quis nostrud exercitation ullamco laboris nisi ut aliquip ex ea commodo consequat. Duis aute irure dolor in reprehenderit in

Address

184 Mayfield St. Hopewell
Junction, NY 12533

Phone

Email