Lápida Sepulcral
Esta lápida pertence á tumba dunha muller e foi atopada en 1869, xunto con outras sepulturas do antigo cemiterio xudeu da Coruña, na actual praza da Palloza, fóra, como de costume, do burgo medieval.
A Coruña, Séculos X-XI
A inscrición, en hebreo, di: “Dona Seti muller de don Ishaq o Qarol, descanse no Edén”. Seti é o feminino de Sidi, que tamén se escribía Cidi ou Cid, nome árabe que significa ‘señor’. ‘Dona’ e ‘don’ son tratamentos honoríficos referidos ós dons económicos e espirituais que adornan ó matrimonio.
Carol é nome de lugar, usado como apelido, quizais a aldea de Carolo no Concello de Oroso, entre Santiago e A Coruña. A orixe campesiña do marido de Seti sinala a sabida antigüidade da presencia xudía na Galicia altomedieval, primeiro rural e logo urbana.
Nas dúas lousas restantes lemos: “Dona Iusta” nunha, e “Abraham bar Meir ben Peres”, ou sexa “Abraham fillo de Meir fillo de Peres”, na outra.
Estas lápidas da Coruña, datadas nos séculos X-XI, fálannos dunha comunidade xudía desenvolvida, en relación co burgo do Faro e antes da constitución da cidade amurallada, que confirma a importancia da repoboación xudía no reino cristián de Galicia de Afonso III en diante