Moisés Ibn Zabarah: O Gran Calígrafo da Biblia da Coruña
O escriba desta monumental obra chamábase Moisés Ibn Zabarah. Dixeron del os contemporáneos: “Un grande calígrafo, o seu nome é grande en Israel, o santo rabí…”; este manuscrito seu “… non foi feito por un home, senón polo Anxo de Deus, un perfecto sabio, piadoso e santo…”.
Moisés Ibn Zabarah e Joseph Ibn Hayyim: Arte e Caligrafía na Biblia da Coruña
Viviu Moisés, coa súa familia, na Coruña, por conta do seu patrón, dez longos meses escribindo dous folios diarios, en letra cursiva cadrada sefardí, con tinta castaña, a dúas columnas, nunhas páxinas de 300 por 235 milímetros.
Moisés contratou para ilustrar as marxes, o espacio entre as columnas e as letras capitulares, así como para intercalar páxinas marabillosamente debuxadas, a un artista iluminador de manuscritos que deixou a súa propia sinatura, “Eu, Joseph Ibn Hayyim, iluminei e completei este libro”, cunhas enormes letras que enchen toda unha páxina e representan figuras de homes e mulleres en coiros, animais, seres fabulosos… Ás veces Joseph pinta o acontecemento bíblico que se relata nesa páxina, outras belas formas xeométricas de estilo mudéxar, aqueloutras debuxa os xudeus co típico gorro bicudo, semellando unha boina paisana.
A compenetración entre o calígrafo e o iluminador foi total, ámbolos dous exhiben nomes bíblicos, como era habitual entre os xudeus medievais, o que os leva a mutuos agasallos: Moisés procura salientar os feitos que concirnen a Xosé, fillo de Xacob, e, pola súa banda, Joseph decora con especial primor o Salmo 90, a oración a Moisés.
Resulta ó cabo unha obra orixinal e fermosa. Por exemplo, as pinturas do rei David sentado no seu trono, Xonás tragado polo peixe ou o astrólogo Balaam consultando o astrolabio.