Actividades Semana Santa en Ribadavia

Estas son as actividades que se realizarán durante a Semana Santa en Ribadavia.

IV FESTIVAL RIBADAVIA MÁXICA

Maxia para todos os públicos

Do 17 ao 20 de abril celébrase a cuarta edición do Festival de Ilusionismo “Ribadavia Máxica”, que converterá as rúas, igrexas e espazos culturais da vila nun auténtico escenario máxico. A programación comeza o xoves 17 cunha sesión de maxia familiar a cargo de Pablo Estévez na Igrexa da Madalena (18.00h), seguida do espectáculo “Maxia Impromptu” dos Magos de Garda no Pintamonas (19.00h) e, máis tarde, en The Boot (20.00h), nunha versión para maiores de 16 anos.

O venres 18 inclúe maxia infantil con Meiga Belmonte (12.00h) e o concurso de novos talentos no Auditorio da Casa da Cultura (18.00h), onde o público será quen escolla ao gañador. Pola noite, José Rivera presenta o seu espectáculo de maxia de preto “En tus manos” no Restaurante Plaza (23.00h), e os Magos de Garda darán dúas sesión de “Maxia Impromptu”, unha no Kopa (20.00h) e outra no Meu (00.30h), ambas para maiores de 16 anos.

O sábado 19 comeza cun obradoiro de maxia infantil con Mago Deimi (10.30h), seguido dun espectáculo familiar con Patri Zenner e o seu show “A maxia da natureza” (12.30h), ambas na Igrexa da Madalena. A gran gala de maxia terá lugar ás 19:00 no auditorio, con Víctor Cerro, Patri Zenner e José Rivera, presentada por Pablo Estévez. O día rematará con sesións de “Maxia Golfa”, para adultos, da man de Magos de Garda primeiro no Garden (21.30h) e logo no Berlin 2.0. (00.15h), espectáculos recomendados para maiores de 18 anos.

O domingo 20, a programación pecha cunha conferencia de Jon Zabal baixo o título de “Mentalismo” na Igrexa da Madalena e pensada para os propios magos, que terá inicio ás 10.30h. Para participar na mesma é necesario entrada que pode adquirirse anticipadamente. O mesmo ocorre co Cocido Máxico que pechará as actividades máxicas da Semana Santa Ribadaviense, ao que só están convidados os magos e que se celebrará no Restaurante Plaza, con reserva previa obrigatoria.

Durante todo o festival tamén haberá un fotocall máxico, onde o público poderá facerse fotos. Os Magos de Garda, que animarán as rúas cos seus xogos, levarán un meco máxico na camiseta indicando que son as meigas e os bruxos de garda e, que quen se achegue a eles, poderán pedirlles maxia e serán abraiados polos seus xogos.

 

GRAN GALA DE MAXIA

19 de abril ás 18:00 na Casa da Cultura

 

 

VISITA GUIADA AO CASTELO DOS CONDES

Tamén haberá visitas guiadas ao Castelo dos Condes, con aforo limitado a 30 persoas e un custo de 3,50 euros por persoa. As visitas terán lugar os días 15 e 16 ás 13:00 horas, e os días 19 e 20 ás 13:00 e ás 18:30 h, por orde de chegada.

 

Durante toda a Semana Santa, a Praza Buxán acolle a exposición “Cincuenta anos da Casa de Rosalía”, un percorrido pola traxectoria e o legado da autora galega máis internacional.

CONCILIA NA PASCUA
Ribadavia tamén aposta pola conciliación familiar nestas datas co programa “Concilia na Pascua”, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos durante os días 14, 15, 16 e 21 de abril. As familias empadroadas, numerosas, monoparentais, con segundo irmán ou con fillos con discapacidade poderán beneficiarse de importantes descontos.

 

CAMPAMENTO DIXITAL

A isto súmase o Campamento Dixital para nenos e nenas de 9 a 13 anos, que se desenvolverá os días 14, 15 e 16, cunha proposta lúdico-formativa centrada nas novas tecnoloxías.