Viviu Moisés, coa súa familia, na Coruña, por conta do seu patrón, dez longos meses escribindo dous folios diarios, en letra cursiva cadrada sefardí, con tinta castaña, a dúas columnas, nunhas páxinas de 300 por 235 milímetros.
Moisés contratou para ilustrar as marxes, o espacio entre as columnas e as letras capitulares, así como para intercalar páxinas marabillosamente debuxadas, a un artista iluminador de manuscritos que deixou a súa propia sinatura, “Eu, Joseph Ibn Hayyim, iluminei e completei este libro”, cunhas enormes letras que enchen toda unha páxina e representan figuras de homes e mulleres en coiros, animais, seres fabulosos… Ás veces Joseph pinta o acontecemento bíblico que se relata nesa páxina, outras belas formas xeométricas de estilo mudéxar, aqueloutras debuxa os xudeus co típico gorro bicudo, semellando unha boina paisana.
A compenetración entre o calígrafo e o iluminador foi total, ámbolos dous exhiben nomes bíblicos, como era habitual entre os xudeus medievais, o que os leva a mutuos agasallos: Moisés procura salientar os feitos que concirnen a Xosé, fillo de Xacob, e, pola súa banda, Joseph decora con especial primor o Salmo 90, a oración a Moisés.
Resulta ó cabo unha obra orixinal e fermosa. Por exemplo, as pinturas do rei David sentado no seu trono, Xonás tragado polo peixe ou o astrólogo Balaam consultando o astrolabio.