O Concello de Ribadavia, ABANCA e Afundación presentan a exposición de rúa «Viaxando. Coleccións de Arte Afundación e ABANCA»
«Viaxando. Coleccións de Arte Afundación e ABANCA» estará nas rúas de Ribadavia ata o vindeiro 3 de setembro. É unha proposta que amosa pezas das Coleccións de Arte Afundación e ABANCA que convidan a viaxar, ben por Galicia, ben arredor do mundo. A cronoloxía das pezas vai desde finais do século XIX ata a actualidade, e cada unha delas vai acompañada dun texto escrito pola crítica de arte Mercedes Rozas. O concepto do proxecto é a viaxe, que sempre supuxo unha procura de bagaxe intelectual, un desexo de experiencia e un xeito de descubrir novos rumbos para a produción artística.